Skip to main content Link Menu Expand (external link) Document Search Copy Copied

Introdución

Isto é Fate Condensado, a versión de Fate Básico máis compacta que fomos quen de facer. É un xogo de rol completo; mesmo se outros libros poden mellorar o proveito que lle tires, non precisas de ningún outro libro para xogar.

Falando diso: vamos ver o que si precisas!

O que preciso para xogar?

Para xogares a Fate Condensado, precisarás entre dúas e seis amigas —exercendo unha delas como Dirección de Xogo (DX)—,  algúns dados, algunhas doas, algo para escribir, papeis e algo no que facerdes pequenas notas (por exemplo, pósits).

Fate Condensado usa dados Fate cando as personaxes actúan. Os dados Fate son dados de seis caras nos que dúas caras teñen un 0, dúas teñen un + e as outras dúas teñen un -. Cun set de catro dados xa abonda, pero terdes un set por xogadora é o ideal. Tamén hais outras alternativas, como usardes dados de seis caras dos de toda a vida (1-2 = -, 3-4 = 0, 5-6 = +) ou a Baralla de Fate, que emprega cartas en troques de dados. En calquera caso, neste texto usaremos sempre rolar por simplificar.

Mudanzas respecto a Fate Básico

Cando se condensa a esencia dun sistema de case 300 páxinas en apenas unhas 50 é inevitable facer algúns axustes. No momento de escribirmos isto xa pasaron oito anos des que se creara Fate Básico, así que é esperable tamén que o deseño evolucione un anaco. En concreto, queremos resaltar o seguinte:

  • Decidimos pasar a usar caixas de estrés dun só punto para evitar confusións.
  • A «iniciativa Balsera» (tamén coñecida como «orde electiva» ou «iniciativa pipoca») é agora a predeterminada, en vez de usar habilidades para fixar os turnos.
  • O avance funciona un bocado diferente: eliminamos os fitos significativos e afinamos os fitos maiores para compensar.
  • Retiramos o concepto de oposición activa como algo separado da acción de Defender. Isto ten algún efecto colateral, particularmente no resultado de empate para Superar.
  • Modificamos Crear unha Vantaxe para facela máis clara e dar máis axencia no tocante á descuberta de aspectos existentes pero descoñecidos.
  • A defensa total preséntase agora como opcional, e alterámola un chisco para acomodar o alcance expandido da acción de Defender. Tamén mencionamos outras regras opcionais de uso frecuente.