Skip to main content Link Menu Expand (external link) Document Search Copy Copied

SD6

Ti xa xogaches ao rol. Cando imaxinas que estás nos teus debuxos favoritos e interpretas a outras personaxes, iso é rol. Esta é apenas unha forma diferente que empregamos «a xente vella» para non sentirmos ridículos ^_^

Neste xogo de rol, unha persoa (a Dirección) propón unha situación coa axuda das regras. As demais, coa súa axuda, contan o que fan as personaxes protagonistas e se vai contando unha historia en grupo.

Protagonistas

Todas as persoas participantes, agás a Dirección, encarnan a unha das Protagonistas da historia (como Perry o Ornitorrinco, Spiderman ou a Princesa Chicle).

Escolle un Nome para a personaxe e escríbeo na ficha debaixo do teu. Escribe tamén unha Idea que a defina. Por exemplo, Perry é unha Mascota Espía. As personaxes Protagonistas teñen seis Habilidades con dous puntos en cada unha. Distribúe outros seis puntos entre elas sen superar os cinco en ningunha.

  • Rolas FORza cando queres mover algo pesado ou golpear cunha arma grande (coma un machado). Tamén para saltares moi lonxe, subires un muro, romperes unha porta…
  • Rolas DEStreza cando fas equilibrios nunha corda, ou cando intentas esquivar un golpe. Tamén para te liberares dunhas ataduras ou para golpeares cunha arma lixeira (como a espada dos mosqueteiros).
  • Rolas RESistencia para recuperarte das túas feridas, correr durante moito tempo, resistir un veleno…
  • Rolas INTelixencia para resolver un enigma, lembrar algo, ou curar a alguén. Tamén para faceres maxia «de bruxería» (bólas de lume, pocións máxicas, e cousas así).
  • Rolas PERcepción para decatarte de algo. Tamén podes rolar para descubrires que che están a mentir ou resistires a maxia que engane os teus sentidos.
  • Rolas CARisma para convencer á xente ou incluso mentirlles. Tamén podes rolar para non teres medo ou faceres maxia «de fadas» (encantamentos, ilusións e cousas así).

Rola os dados

Para xogar só tes que contar o que fai a túa personaxe Protagonista, como por exemplo, pelexar cos robots de Doofenshmirtz ou crear un novo feitizo. Despois, a Dirección vaiche dicir como se defenden os robots ou vaiche descubrir que non tes suficiente pó de fadas. Rola os dados se o que intentas facer é perigoso ou emocionante, ou se a Dirección e ti non vos poñedes de acordo. Ti non queres que os robots te derroten! Rola tantos dados coma teñas na Habilidade que esteas a empregar. Cada 5 ou 6 que saques é un éxito.

A Dirección rolará ata cinco dados se as cousas son difíciles para a túa personaxe Protagonista. Se es máis pequeno que os robots podería rolar apenas un, por exemplo.

Se as cousas foren máis doadas, ademais de que a Dirección non role dados, é posible que ti roles algúns máis. Se a túa Idea —como ser unha Mascota Espía— ou as túas amizades axudaren, poderías rolar un ou dous dados adicionais.

  • Se tiveres un ou máis éxitos e a Dirección ningún, entón o conseguirás sen dificultade: derrotarás os robots ou crearás o feitizo.
  • Se tiveres máis éxito que a Dirección, tamén o conseguirás pero con algunha dificultade: terás cansazo, ou quizáis feridas.
  • Se tiveres os mesmos ou menos éxitos cá Dirección, entón non o lograrás, pero non é definitivo. Os robots apresarante ou o laboratorio encherase de pó rosa.
  • Se non tiveres éxitos e a Dirección si, non o darás feito. Os robots botarante a outra dimensión ou o feitizo destruirá os teus valiosos libros.

Licenza

SD6 é un xogo de Silvia Vic Gar licenciado Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual. Tradución ao galego pola comunidade das Irmandades do Dado.