Skip to main content Link Menu Expand (external link) Document Search Copy Copied

Pola Raíña

Pola Raíña é un xogo de amor, deber e devoción.

Os xogadores irán contando de xeito colectivo a historia da comitiva dunha Raíña que se atopa no medio dunha arriscada viaxe. Cada participante achegará o punto de vista subxectivo dun dos membros deste cortexo real. Todos os personaxes teñen unha relación complexa coa Raíña debido a circunstancias pasadas, e a travesía converterase nun espazo no que facer reconto destas situacións, reflexionar sobre o seu vínculo con ela e, se callar, achegarse máis a outros participantes da comitiva.

Pola Raíña inspírase en RPG clásicos coma Final Fantasy e en elegantes xogos narrativos coma The Beast, de Aleksandra Sontowska.

Os participantes xogarán cunha baralla que lles proporcionará os datos sobre a ambientación, as regras e as propostas do xogo. A baralla está formada polas seguintes cartas:

Cartas de instrucións: son cartas que conteñen as regras do xogo e información sobre a ambientación.

Carta X: é unha ferramenta para regular o contido do xogo; o seu funcionamento explicarase máis abaixo.

Cartas das Raíñas: son ilustracións que os xogadores poden usar como inspiración para as súas historias.

Cartas de proposta: son preguntas curtas que os xogadores responderán na súa quenda e que forman a meirande parte do xogo. As respostas daranlles forma aos personaxes, ao universo no que viven e ás relacións entre eles e coa Raíña.

Carta final: esta é a derradeira carta de proposta. Cando se colla esta carta, cada participante responderaa por orde e, a seguir, rematará o xogo.

Os personaxes e o seu mundo

Os protagonistas de Pola Raíña atópanse nunha travesía coa súa benquerida (e por veces temible) Raíña. Poden saber por que os escolleron para esta viaxe ou non, así como saber ou descoñecer o que lles pasará durante o camiño. Ninguén fai o papel da Raíña; os xogadores só van poder coñecela a través dos ollos dos seus personaxes, que a aman e a serven. Alén destas normas, todo o que pase e exista arredor dos personaxes determinarase a través do xogo. A comitiva pode situarse nunha ambientación realista, especulativa, histórica ou fantástica.

Autoridade

Aquí non hai mestres do xogo nin facilitadores: todos os participantes comparten a mesma carga de responsabilidade no tocante a seguir as normas e desenvolver a historia. Os xogadores van por quendas collendo e contestando as cartas na orde das agullas do reloxo. Comézase coa primeira carta de instrucións e, logo, vanse contestando as cartas de proposta ata que se chega á carta final.

Regulación do contido

Cando un xogador ou xogadora colle unha carta de pregunta, pode escoller entre tres opcións:

  • Lela en voz alta e responder desde o punto de vista do seu personaxe.
  • Pasarlla ao seguinte xogador ou xogadora e dicirlle: “Gustaríame saber a túa resposta a esta pregunta”.
  • Tocar na carta X ou indicar de calquera outro xeito que se está marcando a carta de pregunta actual, descartar esta e coller unha nova.

Cada participante responderá a carta con tantos ou tan poucos detalles como queira. Os resto de xogadores poden facerlle suxestións ou preguntas adicionais, e quen sacara a carta pode aceptar as achegas dos demais ou responderlles ata onde desexe.

Quen reciba unha carta doutro xogador ou xogadora pode escoller entre responder, tocar na carta X ou pasarlla á persoa da súa dereita. A vez do xogador ou xogadora orixinal remata ao pasar a carta, e a vez da persoa da súa dereita rematará cando responda a esta ou cando a pase á súa vez.

Marcar unha carta de pregunta coa carta X non fai que acabe a vez: cóllese unha nova carta de pregunta e continúase onde se deixou. Todos os participantes poden tocar na carta X para marcar cartas doutros xogadores ou calquera contido que xorda durante a partida. Esta carta emprégase para excluír contido do xogo e non precisa de ningunha explicación nin xustificación por parte de quen a usa.

A carta X foi deseñada orixinalmente por John Stavropoulos e creouse unha adaptación para usala neste xogo. Se queres saber máis sobre a carta X, preme no seguinte enlace: http://tinyurl.com/x-card-rpg

Cartas das Raíñas

Pola Raíña inclúe cartas ilustradas que amosan imaxes de diferentes Raíñas para que os xogadores as usen como inspiración nas súas historias. Tamén poden optar por descartalas e que cada quen se faga unha imaxe propia da aparencia da Raíña, ou mesmo debuxala ao seu gusto.

Ritmo de xogo

Unha sesión de Pola Raíña adoita durar de trinta minutos a dúas horas, aínda que se sabe de sesións que duraron máis. O ritmo vai depender de tres variables:

  • A posición na que remate a carta final na baralla.
    • Pódese optar por metela no medio da baralla ou por dividir esta en dous, mesturar a carta final coa parte inferior e barallala.
  • Como de elaboradas sexan as respostas de cada participante ás súas cartas de pregunta.
  • Cantas preguntas se fagan os xogadores entre si.

O esencial

Os vínculos persoais son o miolo de Pola Raíña. Centrádevos nas opinións subxectivas que cada personaxe ten da Raíña, as súas experiencias previas con ela e o xeito no que lles inflúe na súa relación cos demais.

Para vos divertirdes xogando, escoitádevos uns aos outros. Tede en conta que o mundo está a ser construído mentres xogades; prestade atención ao que conten os vosos compañeiros e incorporádeo nas vosas respostas.

Licenza

Estas instrucións baséanse no xogo For the Queen, produto de Alex Roberts e Evil Hat Productions, e están cubertas baixo unha licenza Creative Commons 3.0 Unported.

A tradución ao galego foi feita por Aurora Grandal Vázquez e a revisión e a asistencia técnica correron a cargo de Xurxo Diz Pico. Esta tradución está cuberta igualmente baixo unha licenza Creative Commons Attribution 3.0 Unported.